Thursday 28 de March de 2024

Medio Ambiente asina un convenio con catro entidades para controlar as colonias felinas da cidade


A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, asinou esta mañá en María Pita os convenios nominativos coas entidades protectoras das colonias felinas da cidade, co obxecto de continuar promovendo o desenvolvemento de actuacións de control e mantemento das colonias da cidade. As asociacións son Gatuchinhos, CoruñaGatuna, Micos e Nós e Felinos Felices.

Cada entidade recibirá un total de 4.500 euros correspondentes aos orzamentos 2021 que recibirán de forma inmediata para poder facer fronte aos gastos derivados do coidado dos gatos. A concelleira apuntou que o convenio será revisado o vindeiro ano de cara a un posible aumento das colonias felinas e a posta en marcha de novas entidades, coas que se poderán atender outras zonas da cidade sempre en colaboración coas entidades veciñais e as e os voluntarios.

En virtude destes convenios, o Concello proporciona gaiolas de captura e recuperación dos gatos, casetas-comedeiros, pipetas de desparasitación e asume os gastos derivados dos tratamentos sanitarios e cirúrxicos derivados das esterilizacións. Pola súa banda, as asociacións realizarán os labores de captura, esterilización e solta, alimentación dos gatos da rúa e mantemento das colonias. Ademais, as entidades elaborarán un censo da colonia felina.

O Concello, sinalou Fontán, entende que a implantación, control e seguimento das colonias felinas que comezou en 2018 é unha actividade de interese xeral para o conxunto da comunidade, “na que resulta necesaria a colaboración coas administracións implicadas das asociacións protectoras de animais e dos veciños e veciñas voluntarias”. Fontán agradeceulles ás entidades o seu traballo e compromiso co control das colonias. “Un traballo voluntario que ten aínda máis mérito”, dixo.

Fontán lembrou que a creación destas colonias tivo un impacto positivo, non só desde o punto de vista do control biolóxico das pragas urbanas de roedores, senón tamén e sobre todo, ao benestar dos gatos das rúas, acadándose unha perfecta integración das colonias na contorna urbana e mellorando a convivencia destes animais coa veciñanza. E así, recentemente, recoñeceuse a existencia de novas colonias felinas en Palavea, Barrio de Eirís, Monelos e Os Castros-Paseo de Oza que se suman ás da Falperra, Santa Margarida, Barrio das Flores, Náutica, Os Rosales, Durmideiras, A Torre, Penamoa-A Silva e rotonda do Pavo Real.

Porén, chamou á cidadanía a colaborar para poder ter unhas colonias felinas controladas. Por iso, pídelle que non alimenten aos gatos, porque a pesar da súa boa vontade están facendo dano ao control da poboación gatuna “As únicas persoas que poden alimentar e coidar ás gatas e gatos das rúas son as asociación que colaboran co Concello, e darlles de comer é un acto que poderá sancionarse ”, dixo.